Thursday 02 de May de 2024

Nava Castro destaca que Termatalia posicionará Galicia como referente mundial do turismo de saúde


A cita, que terá lugar do 24 ao 26 de setembro en Expourense, conta con 39 países participantes e un total de 279 expositores

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na presentación da 15ª edición da Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, que terá lugar entre o 24 e o 26 de setembro en Expourense.

Termatalia, que celebra este ano o seu 10º aniversario como feira internacional, superou nesta nova edición os datos de participación acadados ata o momento ao contar con 39 países participantes e un total de 279 expositores.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou que estas cifras converten esta cita nunha referencia mundial do turismo de saúde, posicionando Galicia e a Ourense como epicentros do termalismo. Así mesmo, resaltou a importancia deste evento como ponte de conexión entre a tradición termal europea e o potencial termal de Iberoamérica.

Nava Castro sinalou que esta nova edición constitúe un ano máis unha oportunidade única para poñer de manifesto a innovación é a capacidade de dinamización e de activación económica dun sector do que dixo “é xa unha referencia dentro do sector turístico galego”. “Grazas a Termatalia temos a posibilidade de mostrar a variada oferta termal de Galicia ao exterior e ensinar a nosa infraestrutura moderna e diversificada de establecementos balnearios e talasos que xa constitúen o 20% da oferta termal de todo o Estado”, afirmou.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia á calidade que caracteriza o sector termal galego destacando que Galicia é a comunidade autónoma con mais balnearios certificados coa Q de Calidade Turística ao acoller o 21,6% dos establecementos termais certificados de toda España.

Nava Castro resaltou a aposta de Turismo de Galicia pola diferenciación, a diversificación, a especialización e a procura de novos segmentos de mercado no sector termal, así como o traballo realizado a prol da internacionalización de Galicia como destino termal. A directora de Turismo de Galicia explicou que están postos en marcha numerosos proxectos innovadores para o desenvolvemento do turismo de saúde en Galicia, todos recollidos nun Plan Termal que persegue o fortalecemento do sector turístico termal da provincia de Ourense, coa visión de consolidar e fortalecer o posicionamento de Galicia como destino termal global.

Un escaparate tamén para a gastronomía galega
A responsable de Turismo da Xunta destaco que, a través de Termatalia, Galicia dará a coñecer non só a súa oferta asociada ao benestar e a saúde, senón tamén a súa oferta como destino cultural e patrimonial e, en especial neste ano, a súa enogastronomia.

Unha das principais novidades desta 15ª edición é a Area de Alimentación Saudable que contará con talleres, showccokings, catas e moitas mais actividades onde Galicia mostrará outra das súas grandes fortalezas.

“Con todo a nosa comunidade mostrará os seus atributos a través desta gran cita internacional e poderá profundar no coñecemento da auga y e a combinación do turismo termal co resto de experiencias turísticas que temos para ofrecer aos viaxeiros”, concluíu Nava Castro.